9/29/2009

Monicreques!


ás veces creo que somos monifates, bonecos de trapo que alguén manexa como quere. Non me gustar ter a sensación de que vivo nun teatro montado polos de arriba. Tócanos improvisar, movernos, falar. Se nos saímos do círculo que nos marcan sempre aparece alguén disposto a sinalar co dedo índice con aire acusador. Non quero que me xulguen, nin que me apunten co dedo, nin que me impidan ser eu. Non me dá a gana de renunciar a gozar do pracer de ser eu mesma. Señores e señoras, vostedes monten o seu teatro, que xa me encargarei eu de desmontalo á miña maneira. Que teñan un bo día ;)

9/09/2009

Que facer para fomentar a lectura?


Aquí vos deixo a miña resposta á pregunta ¿QUE FACER PARA FOMENTAR A LECTURA? que saíu publicada esta semana na web da Editorial Galaxia:


S.O.S. O libro está en perigo. Os maiores esquecéronse de ler. A velocidade á que camiña a urbe, as rúas, o tráfico, o ruído dos televisores e dos seus programas de xente “berradora ” están coméndose as letras dos libros. Os adultos mergulláronse nesa inercia e xa non len. E se eles non len, as súas criaturas tampouco.
Os bebés obsérvano todo cos ollos ben abertos. Ao seu arredor hai sorrisos, o son do televisor e un ordenador que bota fume. Tamén axóuxeres de cores e un berce de madeira. Pero non hai libros, nin contos antes de durmir. Non está Peter Pan, nin Carapuchiña, nin o Gato con Botas.
Os adolescentes teñen cara de ordenador. Eu véxoos pola rúa a cotío con cables saíndolles da caluga e cun móbil incrustado nos dedos e, créanme, estou preocupada.
MAIORES: Léanlle contos as súas criaturas. Fagan do libro o mellor agasallo. Preséntenlle a eses personaxes imprescindibles na vida dunha persoa. Axúdenlles a camiñar pola barriga de Dumbo, condúzanos da man ata as trenzas de Rapunzel e concédanlles a posibilidade de ser máis felices.
CONCELLO: Empapele a cidade. Pinte os postes da luz, os espazos publicitarios e as paredes de carteis que axuden a concienciar á cidadanía: “O LIBRO ESTÁ EN PERIGO. AXÚDANOS A SALVALO.” Concello, por favor, achegue a lectura á xente. Fomente as biblio-praias, invente os biblio-parques para esas avoas e avós que están cos seus netos e teñen a posibilidade de lerlles un conto debaixo dunha árbore.
EDITORIAIS: Organicen lecturas na rúa, contacontos para os máis pequenos, xornadas de literatura na rede para os adolescentes. Concello e Xunta: Colaboren coas editoriais para facer isto posible.
ESCOLAS, BIBLIOTECAS E INSTITUTOS: Ensínenlle ao alumnado a amar a lectura. Convenzan aos estudantes de que o seu papel é imprescindible para salvar a literatura. Póñaos en contacto con escritores e escritoras, móstrenlles as alternativas de internet, fáganlles ver que os fotologs e os blogs poden ser tamén un xeito de lectura alternativo pero lectura á fin e ao cabo, métanlle no corpo o hábito lector.
CIDADE: Tranquilícese. Reinvéntese a si mesma. Respire de vagar, sen enfadarse pola loucura das obras nin polo ritmo dos coches. Deixe un oco para que a literatura poida saír de todos eses sitios nos que se agacha: no cemento das paredes, no casco dos obreiros, nos portais dos edificios. Por favor, déixenos espazo para lela, e para lernos.

9/03/2009

osíxeno


botando fume. hoxe máis ca nunca. terei que conseguir unha burbulla de osíxeno para recompoñerme.

8/10/2009

ESCENARIO VITAL


Este domingo pechamos semana en Mougás, pegadiñas ao atlántico e coa calor deste verán que tanto se fixo de rogar. Serán ben recibidos, señores e señoras, se teñen ganas de escoitar versos recén saídos do forno, gozar coa danza contemporánea e pasar unha hora na nosa compaña. Agardamos velos alí, entre o público.

8/07/2009

retorcendo palabras


a culpa non é de que a calor non dea chegado. creo que máis ben, esta sensación de apatía que me inxecta o mes de agosto ten a súa orixe en que parece que todo para de súpeto. a maior parte dos blogs que adoito visitar están pechados por vacacións. a bandexa de entrada do meu correo electrónico parpadea día tras día no nº 9 (non sei por que teño a estraña teima de deixar sempre nove correos sen abrir, en lugar de borralos. debe ser para que a bandexa nunca me reciba cun cero. os ceros danme algo de medo. Pero por que 9 en lugar de 7 ou 8...?. terei que pensar máis de vagar neste asunto). ao que ía, que agosto é lento. e pesado. lento e pesado coma a calor que non chega. o meu avó leva dúas semanas dicíndome cada mediodía: ya vendrá, ya vendrá. E eu contéstolle que non, que este ano o verán xa está marchando mentres todo o mundo agarda a que chegue. son curiosas as conversas que temos o meu avó e máis eu. debería escribilas todas para non esquecer nin unha palabra súa. ben dá para ser o personaxe dunha novela con xeito. pero aínda non. basicamente porque considero que hai cousas que me van demasiado grandes aínda.

onte mirando a tele despois de comer, unha das protagonistas dunha serie na que se retrata a vida de alumnado e profesorado dunha escola privada, dixo algo me que deixou mosca: soy retorcida, dixo. retorcida. pero non retorcida de mala persoa, de tipa escura e sibilina. non. trátase doutro tipo de retorcemento no que me sentín esaxeradamente identificada. exactamente a frase foi: crees que te convengo? soy retorcida. no te preocupa el hecho de que quizás yo sólo quiera estar contigo porque soy tu profesora? e aí quedei pasmada mirando para o televisor. logo pensei en que era unha frase trampa, porque quen non é algo retorcid@? o meu avó, por exemplo. é retorcido ata o extremo. de aí me vén a min. seguro. seguirei pensando nisto mentres agardo a que pase outro día máis deste agosto raro. Boa fin de semana

8/06/2009

Libros e relixión


Amarás os libros como a ti mesma. Debeu ser alá polo 1988 cando decidín facer miña esa frase, un domingo saíndo da misa de 11. Non había maneira de facerme entrar polo aro dos curas, pero a miña avoa sorría indo comigo collida do brazo a Santa Teresa, así que eu poñía cara de relixión e alá marchabamos as dúas.
Poucos anos despois a frase deixou de funcionar. E non porque eu renegara da literatura, senón porque empezaron a saírme grans, e así non se podía vivir. Demasiado nova para maquillaxe, e demasiado grandiña xa para que non me dese vergoña ter a cara infestada de acne. Supoño que todo o mundo quérese tirando a pouco parecendo máis un cráter ca unha adolescente. Por iso non podía amar os libros como a mi mesma, porque suporía non amalos en absoluto. Daquela xa renunciara ás mañás de domingo na misa, pero algo quedara no subconsciente. E claro, mudei de frase: amarás os libros sobre todas as cousas. Aí empezou todo. Os vitrasas aínda eran vermellos, e eu facía os traxectos aducida polas letras da obra que tivese entre mans. Lía decenas de novelas en varias viaxes no 11, que me levaba de Cabral á Porta do Sol. Logo agardaba na parada de tránsito a que chegara o 8 para conducirme ata Beade. Dese xeito, en 5 días laborables que tiña a semana voaban páxinas e páxinas á velocidade do autobús, ou incluso máis rápido.
Con 21 anos saquei o carné de conducir e os meus pais mercáronme un coche de segunda man. Despedinme dos paseos en libro-buses, e mudei as lecturas “móbiles” polas “estáticas”. E así ata os vintetantos, que volvín mudar de frase por un certo agnosticismo que me invadiu nalgún momento da miña vida: Amarei a literatura, porque é parte de min.

7/30/2009

Dádeme libros!

Durante un tempo cheguei a pensar que xa non me gustaba ler. Tardaba meses en rematar unha novela, quedaba durmida sempre ao chegar á terceira ou cuarta páxina. E iso preocupábame, porque alguén ao que lle gusta escribir non pode non gustarlle ler. Aínda sendo consciente desta contradicción, estaba preocupada pensando que non había sitio na miña vida para os libros. Pero tranquilidade, porque era todo mentira. Son unha devoradora de libros. Unha vez recuperado o tempo, ese impulso lector veu el soíño, sen necesidade de buscalo. E claro, aí empeza a aventura. busco libros que están xa descatalogados pero que necesito ler porque teño deles un vago recordo protagonizado por min mesma cando tiña doce ou trece anos, merco ensaio, novela, poesía. Teño sempre un diccionario ao meu carón e un lápis na man para subliñar frases ou palabras que me chaman a atención. Que bonito é engancharse a unha historia. Algunha idea para fomentar a lectura? Acéptanse suxestións!