8/28/2008

setembro


a palabra setembro recórdame moitas cousas. é un mes especialmente evocador. tempo de exames, de días máis curtos, de empezar a poñerse tristes as flores, de cumprir anos…
setembro sempre foi para min de cor azul apagado, pero este ano vai ser laranxa. e quizais, só quizais, haxa que celebrar alegrías e ledicias con fogos de artificio e roupa de Gala…

8/14/2008

a tristura do baño


onte foi un día completo. despois de unha xornada laboral onde as horas non querían pasar, achegueime ao verbum para escoitar a lucía aldao recitando acompañada de música electrónica. emocioneime por moitas razóns. pola súa forma de dicir “vasme abandonar por un levantador de pedras”. polo arrecendo a mar pegándoseme na pel da face “vasme abandonar por un rinoceronte”. por esa forma que ten de cantar desde moi adentro. “vasme abandonar por un minotauro”. entre música, poesía, e o vento do atlántico, o tempo voou. corrín para chegar a casa (tiña a C. punto de porta fóra agardando por min por esa tendencia nosa a perdelo todo). recollino e achegámonos ata a residencia de B. e A. alegreime cando mirei entrar pola porta aos legarreta. aos poucos minutos empezou a festa. en silencio, A., B. e máis eu escoitamos como se desmoronaba a vida daquela muller, como se lle desgarraba a voz pronunciando a palabra amor, como se abrazaba á criatura entre saloucos e berros ao outro lado da parede. mentres, A. botaba as mans á cabeza ao tempo que repetía: “está bipolar. está bipolar”. as tres, co mundo roto daquela muller dándonos de hostias na face, toleamos. “hai que facer algo, se o día menos pensado aparece morta eu non poderei con ese cargo de conciencia. que facemos? algunha solución ten que haber!
pero quizais non a haxa. como saber se as conclusións que se sacan son acertadas?
para variar, vou reflexionar.

(jon, en breve publico a tradución…….)

8/12/2008

en taxi (poema para alex)

dáme as palabras exactas
que fagan parar este ritmo frenético
necesito que deixen de derrubarse
todos os continentes que habitei

estou fóra de min,
tanto que vivo nun planeta fantástico
de herba húmida
e teorías imposibles

desquíciome porque non quero bágoas,
non as quero

nin a elas nin a todas esas renegadas que teño dentro
e me rouban a identidade

non sei con que cara me levantarei hoxe
pero vou coller un taxi
que teña as ventaíñas abertas
para encherme do vento do nordés
e que me leve a un futuro
no que nunca máis nos volvamos suicidar

8/11/2008

debatindo




esta foi unha fin de semana de discusións, de quebradeiros de cabeza, de preguntarme cen veces cal é o motivo polo que a xente do meu entorno non acaba de comprender. o meu discurso provoca risotadas, a xente bota as mans á cabeza. eu obsérvoos reafirmándome cada vez máis na miña propia ideoloxía e sentíndome a anos luz de todo isto.


non recordo o momento exacto no que caín na conta de que a miña postura con respecto á prostitución era abolicionista. Este sábado chamáronme fascista por defender a abolición. a xente non para de falarme de que hai moitas mulleres que exercen a prostitución porque queren, por mercar roupa cara, zapatos de marca. Fálanme de universitarias, de putas de luxo. Eu dígolles que o 90% das mulleres que se prostitúen neste país fano por obriga, por amenazas, por enganos, por machismo. Dígolles que o corpo non é unha mercadoría, que a prostitución non é un traballo, que soportar certas cousas non é digno, pero non entenden. Eu tampouco. Vou reflexionar...

8/04/2008

suma e segue


non fun consciente da miña condición de muller
ata moitos meses despois,
cando me meteron polos ollos
as fotos que me quitaran no hospital
da miña cara esnafrada contra o espello do lavabo


non fun consciente de nada
ata moitos meses despois,

cando xa estaba todo desfeito




suma e segue