4/14/2012

BANCOS, SAPOS E CULEBRAS


Despois de ver este caso tan sangrante nos medios de comunicación, púxenme en contacto coa Plataforma de Afectados polas Hipotecas para falar de solucións xurídicas, que as hai. O que non se pode é agardar a ter data de desafiuzamento. Por vergoña, por descoñecemento ou por impotencia, moitas familias agardan a pedir axuda cando xa non hai solución, cando xa hai data para seren desaloxados dos seus fogares e os bancos están lexitimados para executar sen se despeitear.
Os bancos provocaron unha crise de dimensións estratosféricas, entre outras causas, prestando cartos que non tiñan, acudindo aos fondos europeos para autodotarse de liquidez. A sociedade pedía créditos e préstamos nun falso paraíso, asinaba hipotecas para ter unha vivenda en propiedade sen saber que, en moitos casos, o que estaban hipotecando eran as súas propias vidas.
Por mor da crise financeira, as empresas comezaron a facer augas e os ERES agromaron nas vilas e nas cidades coma as malas herbas nas leiras dos pobres. E xurdiron os despidos. A xente perdeu os seus empregos e empezou a malvivir facendo números imposibles para pagar as letras do piso, do coche, dos mobles e tamén daquel viaxe a Mallorca que lle meteron con calzador o día que asinou a hipoteca.
Cando os bancos empezaron a facer augas, o estado inxectounos de liquidez con cartos que NÓS, toda a sociedade civil, pagamos por medio de impostos. Ou dito doutro xeito: os bancos provocan unha crise e nós pagamos esa crise cos despidos e a reforma laboral (entre outros) e reflotamos aos bancos cos impostos, é dicir, cos nosos cartiños.
Por se isto non fora suficiente, ao perder os nosos empregos xa non temos de onde sacar para pagar a famosa hipoteca. E aquí ven a trampa máis gorda: os bancos están facultados para executar as hipotecas no primeiro mes de impago. E non te executan polo importe pendente de pago, execútante pola totalidade da hipoteca. Isto quere dicir que se ti mercaches un piso tasado en 200.000 euros e che faltan por pagar 30.000, vante executar polos 200.000. (Só hai que ler as cláusulas das hipotecas, son todas iguais!) Como iso non é suficiente para eles, tamén van quedar coa casa que levas tantos anos pagando e ti, ademais da que tes enriba do lombo, vas deber a maiores un tanto por cento de intereses e outro de costas. Ah! E non esquezamos que os nosos fillos van herdar esa débeda que ti, que non tes traballo, nin casa, nin coche, nin aire para respirar, non vas poder pagar nin nesta vida, nin na seguinte. E os bancos? Os bancos teñen a día de hoxe unha carteira inmobiliaria de mil pares. E dereitos de cobro en cada recuncho do país, nóminas embargadas, coches, fincas, pensións.
O panorama é negro. Negrísimo. Pero, tal e como dixen ao principio desta entrada, queda algunha solución xurídica na que se amparar atallando o caso desde o primeiro momento. Non queden nas súas casas acumulando as cartas dos bancos sen abrir, non fuxan do problema, non sintan vergoña por unha situación da que vostedes non son os culpables. Porque non o esquezamos: a crise causárona os bancos. Nós xogamos o papel de vítimas e non outro. E a Administración? Onde está? Detras dunha ventá de cristal, agardando para recaudar (nos) ata o último alento.