8/06/2009

Libros e relixión


Amarás os libros como a ti mesma. Debeu ser alá polo 1988 cando decidín facer miña esa frase, un domingo saíndo da misa de 11. Non había maneira de facerme entrar polo aro dos curas, pero a miña avoa sorría indo comigo collida do brazo a Santa Teresa, así que eu poñía cara de relixión e alá marchabamos as dúas.
Poucos anos despois a frase deixou de funcionar. E non porque eu renegara da literatura, senón porque empezaron a saírme grans, e así non se podía vivir. Demasiado nova para maquillaxe, e demasiado grandiña xa para que non me dese vergoña ter a cara infestada de acne. Supoño que todo o mundo quérese tirando a pouco parecendo máis un cráter ca unha adolescente. Por iso non podía amar os libros como a mi mesma, porque suporía non amalos en absoluto. Daquela xa renunciara ás mañás de domingo na misa, pero algo quedara no subconsciente. E claro, mudei de frase: amarás os libros sobre todas as cousas. Aí empezou todo. Os vitrasas aínda eran vermellos, e eu facía os traxectos aducida polas letras da obra que tivese entre mans. Lía decenas de novelas en varias viaxes no 11, que me levaba de Cabral á Porta do Sol. Logo agardaba na parada de tránsito a que chegara o 8 para conducirme ata Beade. Dese xeito, en 5 días laborables que tiña a semana voaban páxinas e páxinas á velocidade do autobús, ou incluso máis rápido.
Con 21 anos saquei o carné de conducir e os meus pais mercáronme un coche de segunda man. Despedinme dos paseos en libro-buses, e mudei as lecturas “móbiles” polas “estáticas”. E así ata os vintetantos, que volvín mudar de frase por un certo agnosticismo que me invadiu nalgún momento da miña vida: Amarei a literatura, porque é parte de min.

4 comentarios:

ainara dijo...

Que bonito Ledi!
Apaisoname o xeito que tes de describirte a tí mesma, mostras un autocoñecemento moi cimentado sobre a túa forma de entender a vida e iso, en psicoanálise, significa que te tes estudiado moi a fondo.
Maravíllame a forma que tes de expresar o amor pola literatura.
Só unha cousa: que ter claro cómo eres non supoña que as barreiras se fagan mais grandes do que son. Somos capaces de mudar e lograr todo, sobre todo despois de desfacernos da dureza do catolicismo da nosa sociedade.

Ledicia Costas dijo...

Grazas, grazas. Sempre se agradecen as túas palabras.
E si, as barreiras parecen máis grandes do que son. algún consello para derrubalas?

ainara dijo...

Crer en tí mesma coma en Dios, crer en tí mesma como en tí mesma e crer en tí porque és parte de tí.

Orde de prioridades: Primeiro tí, despois tí e en terceiro lugar todo o demás.

Anónimo dijo...

Olá

Como estamos? pasoume este enlace willy e estiven botando un olho por aquí. Todo o que lin soame moi cercano, o da misa non sei onde era, pero desde logo en Beade forma parte da infancia de todos nos.Ai don Jesus! e el só leria a Biblia?
Alédame saber q escribes cousas así

Saudinho
Brais