Mostrando entradas con la etiqueta Reflexións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Reflexións. Mostrar todas las entradas

10/15/2010

Abortos da Terra


Onte, perdida no medio de varias conversas cruzadas, atraparon toda a miña atención as palabras saídas da boca dunha muller de oitenta e tantos anos:

_ Son abortos da terra.

Eu aínda non o sabía, pero estábase a referir aos 33 mineiros atrapados no norte de Chile a 700 metros de profundidade.

En realidade non quería dicir "abortos". A palabra que buscaba era "froitos". Froitos da terra. E, según ela e orientada polas afirmacións dunha xornalista que falara minutos antes na televisión, aquela era a metáfora máis fermosa que ninguén fora quen de construír xamais. Cando caeu na conta do seu erro corrixiu:

_ Quixen dicir froitos da terra. Si, da terra, que dá os seus froitos e eses froitos son os mineiros.

Brillábanlle os ollos. Pola metáfora e polos mineiros.

Non lle levei a contraria. A poesía é fermosa sempre. Aínda que agrome desde 700 metros de profundidade.

9/26/2010

O segundo sexo e as súas aplicacións prácticas


Esta foi unha semana dura. O corredor da UCI é un lugar estraño, como de tránsito. De tránsito cara a perda, cara a negación, cara a novas que non queres escoitar... E aínda que tamén existe un finísimo pálpito de esperanza, ese espacio consegue afundirte na máis grande das tristuras. Porque non padeces só a túa. As persoas coas que compartes miradas cada día acaban por te contaxiar ó seu propio sufrimento. Pero do que quero falar aquí non é da dor. O que quero denunciar é outra cousa ben distinta. Cando tes a unha persoa rodeada de tubos, cables, respiradores artificiais, máquinas, pitidos, enfermeiras, sondas, sueros, órganos que funcionan a medias, febre, infección e unha lista interminable de problemas gravísimos, necesitas tranquilidade. Digo eu! Necesitas que os instantes previos a que os médicos te informen sobre o estado da paciente que vas visitar sexan de silencio, ou polo menos de respecto. Pero isto non pasa no noso Hospital Xeral. O corredor da UCI é unha feira. A de San Cosme, a de Bouzas, a de Cangas. Un sitio onde hai xente que vai botarse unhas risas e a contarse historietas das que se entera todo dios porque os decibelios de voz son os mesmos ca os do tipo que vende camisetas a 3 euros.

Eu, non sei por que, sempre acabo rodeada de señoras coas que acabo compartindo confidencias. O pasado venres, aquela muller vestida de violeta, púxome cara de resignación.


-Tres meses levo aquí, nena. Tres meses e sempre o mesmo. Hai que chamarlle a atención todos os días á mesma xente.


Eu volvín a mirada cara as feirantas. Todas mulleres. Unha delas, a que debía ser propietaria do posto na feira, ía uniformada de branco. Enfermeira.


- E o peor é que é empregada do hospital. Vaia exemplo para a xente. Que pouca consideración.

E logo, dirixíndose á enfermeira:

_ Chsssssss! Baixen o volume, que os médicos están chamando aos familiares!


De pouco serviu. Minutos despois, a mesma enfermeira volvía rir e falar a todo meter, no medio dun círculo de persoas que parecían moi contentas.


Agradecín cando a voz do médico dixo aquilo de: Familiares de (...) e puiden reencontrarme co silencio da UCI. As novas foron traquilizadoras. Tamén o feito de fuxir da feira.

Cando saín a enfermeira continuaba alí, xesticulando coma unha tola e rodeada do seu séquito. Mañá volverán estar. Gustaríame ter o valor de lles soltar esa frase coa que Simone de B. abre O Segundo Sexo e que a miña paciente tantas veces me repetiu nestes últimos anos: Non se nace muller. Chégase a selo.

9/05/2010

Esta néboa


Esperta a cidade entre arañeiras de néboa. Aquí, no extrarradio, unha estraña quietude viste o domingo co silencio das ausencias. E esta dor de ferro a nos querer engulir a alma botándonos outro pulso. Xa son moitos.

A xente comenta que é un mal ano. Que en canto remate, a vida volverá a poñer as cousas no seu lugar e deixarán de marchársenos persoas. Coma se o feito de que o calendario marque 31 de decembro fose unha especie de sinal divino para a chegada da sorte. Eu non creo que sexa cuestión de que remate o ano. Trátase doutra cousa e non me importa como se chame. Casualidade, coincidencia, fortuna, enfermidade, cansazo. Dáme igual. Pero si hai algo que teño claro e é que, de cando en vez, as casualidades poden provocar que unha cidade enteira esperte un domingo vestida de néboa. Por acumulación de tristura. Por tanta perda. Por arte de maxia ou por unha necrolóxica que sumar á lista para poñer a guinda máis negra a este verán que remata como as vidas que se nos foron.

8/21/2010

COUTADA - BEADE 20 ANOS DESPOIS



Onte fixemos unha cea para celebrar non sabería definir exactamente o que. Talvez aqueles anos felices de brilé, peixiños de cores, flor de lila, murais con castañas pegadas no outono. Ou quizais a necesidade de saber que hai un espazo da memoria tan importante reservado á infancia, que sen el seríamos fume.

A cuestión é que alí, naquel garito de nome raro (Baxiña Rancho), puxemos a bailar enriba da mesa os anos máis felices das nosas vidas. E a emoción era tal, que entre o licor de amorodo, limón e kiwi, eu volvín ter sete anos. E volvín visitar a fábrica de chocolate La Perfección, e volvín saborear no padal ese regusto a cacao denso, e volvín estar aterecida de medo aquel primeiro día de colexio diante da charca de peixes, e volveron xurdir todos eles entre chándales verdes, coletas con lazos vermellos e botiñas de charón para encherme de sorrisos.

Foi fermoso volvernos atopar, pero sobre todo, foi fermoso reencontrarnos no pasado. Compartir os recordos distorsionados, darlles a forma real a base de palabras e ollos brillantes.

A nostalxia é unha nena vestida de gris. A infancia un animal que dorme.

8/03/2010

ESCRIBIR



Hoxe escribín a palabra gomeiro e unha bomba de lembranzas explotoume entre as mans. Agradecín ter gravado ducias de conversas co avó. Ducias de historias que eu teño a sorte de poder pasar ao papel. Da súa man. Aínda que xa non estea. Aínda que só poida volver tocar o seu bigote nas fotografías.

Escribir tamén é isto. Reencontrarse. Darlle vida aos que marcharon, convertelos en protagonistas das súas propias historias. Poder dicir: invento, televisor, UHF, gomeiro, tranvía, revisor, adoquín, carballeira, podar.

Ter o privilexio e o dereito a pintar o recordo. Deixar constancia de que todo iso pasou un día e pasou porque el estaba no mundo.

Escribir tamén é isto. Atoparse cos mortos no mundo das palabras e devolverlles a vida no corpo da folla en branco.

7/28/2010

O NARDO



En Cabral temos un dialecto. Chamamos ás cousas doutro xeito. Inventamos palabras. Por iso deberlle cartos a alguén é facerlle un tren, tardar moito é facer un mapa, mancharse é ter un guar, se chove cae pulpo e se tes un resfriado colliches o bicho. E así conversamos uns con outros, con esa forma tan nosa de falar. Oes, vaia pulpo que está caendo. Xa che digo, así collín eu o bicho. E ti, vaia guar levas na camiseta. Boh, é que collín a primeira que atopei por non facer un mapa. Habería que facer un estudo acerca deste fenómeno, que daría moito de si. O caso é que ao membro masculino, chamámoslle nardo. O nardo. Así, como soa. Comprenderán a cara que me quedou o outro día, cando levaba esta furgoneta diante de min. Nardo, servicio 24 horas. Eu non sei o que anunciaba o tal Nardo. Desde logo, se era o seu propio nardo a cousa sería cando menos escandalosa. Ir por aí coa túa furgo anunciando que o teu nardo está de servicio 24 horas. Día e noite. Un nardo comercializado cunha campaña de publicidade que consiste nunha jumpy que percorre o extrarradio. Manda nardo. Ou manda carallo, para ser máis clara.

7/26/2010

OS DE TODA A VIDA



Ultimamente atopo carteis curiosos en cada esquina. O pasado xoves, nunha cafetería da Praza da Constitución, recibiume este anaco de papel: CON EL CAFÉ NO PONEMOS GALLETA DE REGALO PORQUE EL CAFÉ QUE TENEMOS ES INSUPERABLE. Seica non teñen avoa. Ou seica non atoparon mellor desculpa ca esa. Ou quizais sexa unha pensadísima estrataxema de mercadotecnia (o márketing de toda a vida): a xente ve o cartel e pide café de xeito sistemático para comprobar a realidade desas palabras. Non che sei. O que si sei, e que todo o mundo agradece a galleta co café, ou o cadradiño de chocolate. E para iso unhas instalacións tan sofisticadas...
Unha hora despois de visitar esa cafetería, acabei tomando algo nun bar da zona da Pastora. Un dos de toda a vida. Con mesas de madeira, señores de cara vermella e camareiros e camareiras (os propios donos do negocio) que te chaman polo teu nome cando te ven entrar. E alí case que ceas cos pinchos: patacas acabadas de fritir, bocadillos quentes e a cociña botando fume para nós. Quedei dun barreno.
Que me dean os bares de toda a vida, que alí unha se sente case como na casa coa botella de Pitusa na mesa, facendo equilibrios entre as conversas que se cruzan.

7/20/2010

GLOBOS NO CEO


Eu non debía de ter máis de cinco ou seis anos. Non recordo que pasou antes nin despois, pero existe unha imaxe que habita nítida entre os meus recordos . Un enorme globo aerostático de cores voando por riba de min, pintando o ceo da Brea Muiñeira, o primeiro lugar que me viu medrar. Penso moitas veces nese instante, nese momento concreto que me uniu ao ceo da Brea para sempre.

Non volvín ver un globo nunca máis. Non en directo.

Hai cinco ou seis anos fun dar unha charla a un instituto de Betanzos. O profesor de lingua galega contoume que alí era tradición facer voar un globo aerostático unha vez cada ano. E agasalláronme cun pin en forma de globo.

Gustaríame volvelo ver. De casualidade. Sen estar preparado. Ver de novo un globo de cores pintando o ceo, facéndome soñar. Como aquel día.

7/19/2010

OLLO CON ARIZONA


Onte quedei xeada mirando o telexornal. Coa de cousas incribles que se ven no televisor parece difícil sorprenderse a estas alturas. Pois eu sorprendinme. Sorprendéronme os habitantes de Arizona, que non sei como se chamarán. Arizonianos, arizonienses. A saber. O caso é que neste estado, non olvidemos que se trata dun estado intengrante da primeira potencia mundial que son os EE.UU. e bla bla bla. Os tipos estes en cuestión, na súa avanzadísima cultura de avanzadísima primeira potencia mundial, promulgaron unha nova lei. Os habitantes do Estado de Arizona teñen permitido dispararlle (si, leron ben) DISPARARLLE a calquera persoa que intente cruzar as súas fronteiras. Parece ser que pretenden evitar a "invasión" doutras nacionalidades. E claro, que mellor para evitala que emprendela a tiros. Veña, imos a dispararnos os uns aos outros. Como pises un anaco do meu terreno, cósote a balazos. Que ben. Que bonito...

Así que se tiñan pensado darse unha volta polos EE.UU. e pasear por Arizona, ollo, que igual saen cos pés por diante.

7/15/2010

A miña incultura...


Foi onte, nun centro comercial ben coñecido de Vigo. O máis caro de todos. E alí estaba o cartel, mirándome con ollos grandes na sección de xoias, reloxos e complementos varios. Eu non daba crédito. ¿Descambiar? ¿Pero que palabra é esa de descambiar? ¿Volver cambiar o que xa cambiaches? ¿Desfacer o cambio? E veña a rir e a dicir: vaia palabra inventada. Fai dano aos ollos. E moito haha, hahaha. E moito dicir: mañá colgo a foto no facebook, porque ten delito que nun sitio de finos e finas coma este poñan así, coma quen non quere a cousa, a palabra DESCAMBIAR. Pero, precavida de min, antes de colgar a foto e engadir un comentario do tipo: Lugar de culto, El Corte Inglés, déuseme por buscar no diccionario. E alí estaba: DESCAMBIAR. No diccionario da Real Academia Española. DESCAMBIAR, señores e señoras. Manda nabo. E así quedei, coa cara descambiada, mirando a pantalla do ordenador, que de socato descambiou de fondo. E así sigo, sen descambiar a expresión...

5/13/2010

A Lama


O vindeiro luns 17 de maio recitarei ás 17:00h. no cárcere de A Lama acompañada de Marta Quintana (arpa) e Nuria Carballido (danza).
Hoxe teño na cabeza a imaxe de centos de homes mal afeitados coa cabeza gris de tanto pensar. Quizais o luns chegue a casa e admita que a ignorancia é moi atrevida, e en lugar de cabezas grises e barbas imperfectas traia no bolso fogos de artificio. Con sinceridade, non o creo. Porque vivir entre muros físicos ten que roubar os colores á forza. E porque ser consciente do lentos que pasan os anos cando o osíxeno que respiras está limitado a un espazo ten que ser duro. Como a pedra do patio. Como o silencio de non poder abrazarte á pel da muller que queres. Como a soidade dunha cama vestida por sabas alleas.

4/24/2010

unha pota que ferve


Cada vez que piso o centro da cidade invádeme unha estraña nostalxia. Como se estivera camiñando por un lugar sagrado. E, de xeito inevitable, véñenme á cabeza fotografías en sepia e branco e negro dun carro de bois guiado pola Rúa do Príncipe, dun desfile militar por García Barbón baixo os balcóns ateigados de ollos, das subastas do Berbés onde había que amorear o peixe nunha cuba de madeira vella. Uns por riba dos outros, coas escamas brillando na desorde da lonxa. Mulleres de ferro camiñan cos canastros sobre o empedrado de Beiramar e tamén pola miña memoria. Coma personaxes que fuxen das súas fotografías porque reclaman un lugar nese espazo que perderon un día.

O centro da cidade é unha historia con adoquíns e semáforos, con botas de cordóns redondos e zapatos abertos. O centro da cidade é unha pota que ferve.

1/25/2010

Seguimos Baixando á Terra...


Preparando a actuación do día 11 no Verbum. Modificacións, sorpresas, novidades... teño 180 cadeiras para encher. En poucos días colgarei o cartel. Estade alerta! Déixovos un adianto:


para poder vivir sen respirar

deixei de ser humana


mentres ti buscabas

a forma máis espantosa

de manterme baixo terra

eu eliminaba o osíxeno

do meu vocabulario


aquí abaixo

os medos teñen rostro de muller

e forza de animal salvaxe


aquí abaixo

a miña vida non é miña

1/21/2010

Baixo Terra


Baixo Terra é un proxecto fermoso. Trátase dunha curta na que, por medio de distintas disciplinas artísticas, vaise contar unha historia intensísima. Poesía, danza, música reunidas no formato audiovisual. Tres días de intensa rodaxe. Frío, ourizos cravándose polo corpo, caras cheas de terra, pés doloridos de camiñar polo cemento, + frío... pero sobre todo, ganas de traballar, xente disposta, artistas de verdade.
Baixo Terra é un proxecto fermoso. Crucemos os dedos...

10/20/2009

Soy como el sol

a miña entrada de hoxe remite a un blog que merece ser visitado por moitos motivos: www.soycomoelsol.blospot.com

9/29/2009

Monicreques!


ás veces creo que somos monifates, bonecos de trapo que alguén manexa como quere. Non me gustar ter a sensación de que vivo nun teatro montado polos de arriba. Tócanos improvisar, movernos, falar. Se nos saímos do círculo que nos marcan sempre aparece alguén disposto a sinalar co dedo índice con aire acusador. Non quero que me xulguen, nin que me apunten co dedo, nin que me impidan ser eu. Non me dá a gana de renunciar a gozar do pracer de ser eu mesma. Señores e señoras, vostedes monten o seu teatro, que xa me encargarei eu de desmontalo á miña maneira. Que teñan un bo día ;)

9/09/2009

Que facer para fomentar a lectura?


Aquí vos deixo a miña resposta á pregunta ¿QUE FACER PARA FOMENTAR A LECTURA? que saíu publicada esta semana na web da Editorial Galaxia:


S.O.S. O libro está en perigo. Os maiores esquecéronse de ler. A velocidade á que camiña a urbe, as rúas, o tráfico, o ruído dos televisores e dos seus programas de xente “berradora ” están coméndose as letras dos libros. Os adultos mergulláronse nesa inercia e xa non len. E se eles non len, as súas criaturas tampouco.
Os bebés obsérvano todo cos ollos ben abertos. Ao seu arredor hai sorrisos, o son do televisor e un ordenador que bota fume. Tamén axóuxeres de cores e un berce de madeira. Pero non hai libros, nin contos antes de durmir. Non está Peter Pan, nin Carapuchiña, nin o Gato con Botas.
Os adolescentes teñen cara de ordenador. Eu véxoos pola rúa a cotío con cables saíndolles da caluga e cun móbil incrustado nos dedos e, créanme, estou preocupada.
MAIORES: Léanlle contos as súas criaturas. Fagan do libro o mellor agasallo. Preséntenlle a eses personaxes imprescindibles na vida dunha persoa. Axúdenlles a camiñar pola barriga de Dumbo, condúzanos da man ata as trenzas de Rapunzel e concédanlles a posibilidade de ser máis felices.
CONCELLO: Empapele a cidade. Pinte os postes da luz, os espazos publicitarios e as paredes de carteis que axuden a concienciar á cidadanía: “O LIBRO ESTÁ EN PERIGO. AXÚDANOS A SALVALO.” Concello, por favor, achegue a lectura á xente. Fomente as biblio-praias, invente os biblio-parques para esas avoas e avós que están cos seus netos e teñen a posibilidade de lerlles un conto debaixo dunha árbore.
EDITORIAIS: Organicen lecturas na rúa, contacontos para os máis pequenos, xornadas de literatura na rede para os adolescentes. Concello e Xunta: Colaboren coas editoriais para facer isto posible.
ESCOLAS, BIBLIOTECAS E INSTITUTOS: Ensínenlle ao alumnado a amar a lectura. Convenzan aos estudantes de que o seu papel é imprescindible para salvar a literatura. Póñaos en contacto con escritores e escritoras, móstrenlles as alternativas de internet, fáganlles ver que os fotologs e os blogs poden ser tamén un xeito de lectura alternativo pero lectura á fin e ao cabo, métanlle no corpo o hábito lector.
CIDADE: Tranquilícese. Reinvéntese a si mesma. Respire de vagar, sen enfadarse pola loucura das obras nin polo ritmo dos coches. Deixe un oco para que a literatura poida saír de todos eses sitios nos que se agacha: no cemento das paredes, no casco dos obreiros, nos portais dos edificios. Por favor, déixenos espazo para lela, e para lernos.

9/03/2009

osíxeno


botando fume. hoxe máis ca nunca. terei que conseguir unha burbulla de osíxeno para recompoñerme.

8/07/2009

retorcendo palabras


a culpa non é de que a calor non dea chegado. creo que máis ben, esta sensación de apatía que me inxecta o mes de agosto ten a súa orixe en que parece que todo para de súpeto. a maior parte dos blogs que adoito visitar están pechados por vacacións. a bandexa de entrada do meu correo electrónico parpadea día tras día no nº 9 (non sei por que teño a estraña teima de deixar sempre nove correos sen abrir, en lugar de borralos. debe ser para que a bandexa nunca me reciba cun cero. os ceros danme algo de medo. Pero por que 9 en lugar de 7 ou 8...?. terei que pensar máis de vagar neste asunto). ao que ía, que agosto é lento. e pesado. lento e pesado coma a calor que non chega. o meu avó leva dúas semanas dicíndome cada mediodía: ya vendrá, ya vendrá. E eu contéstolle que non, que este ano o verán xa está marchando mentres todo o mundo agarda a que chegue. son curiosas as conversas que temos o meu avó e máis eu. debería escribilas todas para non esquecer nin unha palabra súa. ben dá para ser o personaxe dunha novela con xeito. pero aínda non. basicamente porque considero que hai cousas que me van demasiado grandes aínda.

onte mirando a tele despois de comer, unha das protagonistas dunha serie na que se retrata a vida de alumnado e profesorado dunha escola privada, dixo algo me que deixou mosca: soy retorcida, dixo. retorcida. pero non retorcida de mala persoa, de tipa escura e sibilina. non. trátase doutro tipo de retorcemento no que me sentín esaxeradamente identificada. exactamente a frase foi: crees que te convengo? soy retorcida. no te preocupa el hecho de que quizás yo sólo quiera estar contigo porque soy tu profesora? e aí quedei pasmada mirando para o televisor. logo pensei en que era unha frase trampa, porque quen non é algo retorcid@? o meu avó, por exemplo. é retorcido ata o extremo. de aí me vén a min. seguro. seguirei pensando nisto mentres agardo a que pase outro día máis deste agosto raro. Boa fin de semana

8/06/2009

Libros e relixión


Amarás os libros como a ti mesma. Debeu ser alá polo 1988 cando decidín facer miña esa frase, un domingo saíndo da misa de 11. Non había maneira de facerme entrar polo aro dos curas, pero a miña avoa sorría indo comigo collida do brazo a Santa Teresa, así que eu poñía cara de relixión e alá marchabamos as dúas.
Poucos anos despois a frase deixou de funcionar. E non porque eu renegara da literatura, senón porque empezaron a saírme grans, e así non se podía vivir. Demasiado nova para maquillaxe, e demasiado grandiña xa para que non me dese vergoña ter a cara infestada de acne. Supoño que todo o mundo quérese tirando a pouco parecendo máis un cráter ca unha adolescente. Por iso non podía amar os libros como a mi mesma, porque suporía non amalos en absoluto. Daquela xa renunciara ás mañás de domingo na misa, pero algo quedara no subconsciente. E claro, mudei de frase: amarás os libros sobre todas as cousas. Aí empezou todo. Os vitrasas aínda eran vermellos, e eu facía os traxectos aducida polas letras da obra que tivese entre mans. Lía decenas de novelas en varias viaxes no 11, que me levaba de Cabral á Porta do Sol. Logo agardaba na parada de tránsito a que chegara o 8 para conducirme ata Beade. Dese xeito, en 5 días laborables que tiña a semana voaban páxinas e páxinas á velocidade do autobús, ou incluso máis rápido.
Con 21 anos saquei o carné de conducir e os meus pais mercáronme un coche de segunda man. Despedinme dos paseos en libro-buses, e mudei as lecturas “móbiles” polas “estáticas”. E así ata os vintetantos, que volvín mudar de frase por un certo agnosticismo que me invadiu nalgún momento da miña vida: Amarei a literatura, porque é parte de min.