6/22/2011

MERENDACEA II: POESÍA PARA DEVORAR


Non falten á Merendacea. Saciaremos a súa fame de versos e prometemos non defraudar.

2/18/2011

ASÍ ERAMOS NÓS


A miña mesa é unha revolución. Lápices de cores, un caderno de espiral, bloques de plastilina, rotuladores carioca, pegamento de barra, un anaco de bocadillo de queixo, recortes de animais, tesouras de plástico. O Caderno de Rubio non. Ese xa non o preciso. Hai tres semanas que a profesora mo quitou. Seica xa escribo coma un home pequeno. Un homiño, como di mamá.
Marta, pola contra, segue usando o Caderno Rubio. As súas letras non son letras. Son formigas. Díxollo a profesora unha chea de veces. Marta, as túas letras son formigas. Tes que escribir grande. GRAAAAANDE. Coma o océano. Así de grande. E de seguido, estira os brazos intentando abarcar o osíxeno, que é ese aire invisible que respiramos. Hai moitas cousas importantes que son invisibles. Aire, pena, amor, norte. O do norte é unha cousa rara rara. Porque aínda que te dirixas cara el, nunca chegas. Sempre hai outro norte máis ao norte que ese no que estás. E así podes pasar a vida, indo cara o norte. Eternamente. A eternidade… tamén debe de ser unha cousa invisible. Soa a fume, a cousa que se evapora. Cando algo se evapora vólvese invisible. Evaporar e invisible son ---nónimos. Os ---nónimos non sei o que son. Pero sabereino dentro de 3 anos. O meu irmán ten 9 e xa os dá en clase de lingua.
Onte fixen chorar a Marta. Marta é a nena máis guapa de clase. Sempre leva coletas con lazos. Tenos de todas as cores. Coma os rotuladores carioca, que hai ata branco! Pero o branco é invisible cando escribes sobre branco. Por iso nunca se usa.
Onte fixen chorar a Marta, dicía. Pegueille un chicle masticado no pelo e a súa nai tivo que cortarlle unha guedella ben gorda. Agora anda cun anaco máis curto que o resto. Non é grave, pero si dramático. Díxoo ela: é dramático que me fixeras isto, Mario. E logo engadiu que me ía odiar para o resto da súa vida existencial. Hoxe aínda non me falou no que vai de día. Intentei de todo: tireille dun lazo, collinlle os lentes, fíxenlle burla diante das súas amigas, chameille pécora… O malo foi que me escoitou a profesora e me puxo a escribir trescentas trinta e tres veces pécora é unha palabra moi fea, pécora é unha palabra moi fea, pécora é unha palabra moi fea… e así ata 333 pécoras! Ás veces levo culpas que non son culpas miñas.
Marta ten o pelo vermello, a cara branca chea de pencas e os ollos verdes. Antes a chamabamos a peloura por iso de ser roxa. Ata que un día a profesora nos informou de que loura e rubia non é o mesmo. Marta é rubia e eu son louro. O día que o descubrimos mudaron as cousas. Agora o pelouro son eu. E ela é simplemente Marta ou Marta a do pelo vermello. Ademais do seu cabelo, o que máis me gusta de Marta é o seu nome porque empeza igual que o meu: M-A-R.
Algún día levarei a Marta a ver o M-A-R. A cazar caranguexos, a facer castelos de area e pozas máxicas debaixo do sol. E metereille a cabeza na auga ata que empece a patexar como unha tola. Iso dá rabia. A min, cando o meu irmán me mete a cabeza debaixo da auga pásoo fatal. Ademais, méteseme a auga con sal polo nariz e logo queda ese sabor tan feo aí, na gorxa.
O de pegarlle o chicle a Marta non estivo ben. Estivo mal. Pero levaba minutos e minutos intentando que me fixera caso. Intenteino todo: tireille da chaqueta, sopreille na caluga, tireille un avión de papel verde que poñía nunha das súas ás:
M-A-R-ta, FAIME CASO. Pero ela nada. Prefería estar coa cabeza metida no Caderno Rubio. Ese tipo de cousas non se poden consentir. Seino eu porque alguén o dixo no televisor un día destes. E pegueille o chicle. Non lle quixen facer mal. Só deixarlle un recordo meu deses que non se poden esquecer porque son inolvidables e invisibles. Como o amor, que non se ve porque se evapora, igual que o fume.

1/08/2011

Chihiro e a infancia


Hai unha nostalxia grande que me chega a asfixiar case a diario. Supoño que Marcel Proust debeu de sentir algo semellante cando inventou a súa madalena.

Existen imaxes, sabores, sons que teñen a facultade de te transportar a tempos e terras afastadas. E aí é cando xorde a nostalxia. Porque o pasado pesa moito. A infancia sabe sempre a nube de verán, a canción de amor, a caídas brandas sobre plumas. Todo mentira. Será outro dos trucos do subconsciente, que sabe moi ben o que fai. E nunca pide permiso.

Eu, neste post, pretendía falar da infancia no presente. Ou o que é o mesmo: da nosa capacidade para camiñar cara atrás só con prender o televisor. Vale, asumo que non é tan fácil. A televisión de hoxe non é precisamente evocadora. Ao que me quería referir en realidade é ao cine. E, en concreto, ao cine de Hayao Miyazaki.

Non sei se aí traballa o subconsciente ou non. O que si sei, é que ver as súas películas é a maneira máis fácil de entender á madalena de Proust. De viaxar á infancia. De volver ser a persoa que fuches un día. Con coletas, e coloretes, e saias plisadas.

Hoxe recomendo A viaxe de Chihiro. A primeira vez que a vin, quedáronme gravadas moitas imaxes: o sen cara, a bruxa-paxaro, os pais-porcos.

Hai que vela, para entender.

1/02/2011

Aquelas ás


Aquela noite soñou que lle medraran unhas ás.

Espertou xusto cando estaba no bordo dun precipicio, preparada para se lanzar o baleiro. Preparada para axitar as súas ás no medio da nada.

E, de súpeto, o teléfono empezou a soar arrincándoa daquela escena de luz e aire. Non o colleu. Deixouno soar tapando a cabeza coa almofada.

Cando cesou o ruído, levantouse e abriu a fiestra. E aí non houbo lugar para a dúbida: subiu devagar ata o peitoril e quedou alí, cos ollos pendurados no corazón da cidade. De puntiñas sobre o mármore, facendo equilibrios sobre o bordo da vida.

E, cando por fin se decidiu a saltar, estivo segura de que as ás eran tan reais coma o frío da noite.

11/16/2010

A hostia en verso volve!


Pois si, sabiamos que o estabades agardando con fervor poético. Así que para vós, este venres ás 21:30 h., a Galería Jazz (Ronda de Don Bosco, 21) abrirá as portas a un combate de versos que promete facer historia: montañeses VS pescos

No ring: Daniel Landesa, David Rodriguez, Lara do ar, Miguel Valverde, Xabier Xardón e unha servidora.
Ao mando: María Lado e Lucía Aldao.
Musicando: Mr. Carácter
Artisteando: a nosa pintora particular, María Longa
E... como non, votando: o público.
Así que veña, a non facer outros plans este venres, que a hostia en verso necesita de vós como a poesía das letras!

10/15/2010

Abortos da Terra


Onte, perdida no medio de varias conversas cruzadas, atraparon toda a miña atención as palabras saídas da boca dunha muller de oitenta e tantos anos:

_ Son abortos da terra.

Eu aínda non o sabía, pero estábase a referir aos 33 mineiros atrapados no norte de Chile a 700 metros de profundidade.

En realidade non quería dicir "abortos". A palabra que buscaba era "froitos". Froitos da terra. E, según ela e orientada polas afirmacións dunha xornalista que falara minutos antes na televisión, aquela era a metáfora máis fermosa que ninguén fora quen de construír xamais. Cando caeu na conta do seu erro corrixiu:

_ Quixen dicir froitos da terra. Si, da terra, que dá os seus froitos e eses froitos son os mineiros.

Brillábanlle os ollos. Pola metáfora e polos mineiros.

Non lle levei a contraria. A poesía é fermosa sempre. Aínda que agrome desde 700 metros de profundidade.

10/06/2010

Ilusión e Papel



Hai poucas sensacións como a de ter entre as mans unha obra da que formas parte. Nese instante preciso no que nace unha boliña de luz que vai medrando no estómago, es consciente de por que escribes. Porque as ilusións todas toman corpo en forma de libro.
O mundo da escrita é unha noria. Sobes e baixas, sobes e baixas, sobes e baixas. Cantas veces con ganas de facer as maletas, de mudar de illa, de preguntarse o porqué do empeño en xogar nesta liga.
E de socato, todo toma sentido nese momento. nese instante no que as follas empezan a sorrirte desde o papel.