8/21/2010

COUTADA - BEADE 20 ANOS DESPOIS



Onte fixemos unha cea para celebrar non sabería definir exactamente o que. Talvez aqueles anos felices de brilé, peixiños de cores, flor de lila, murais con castañas pegadas no outono. Ou quizais a necesidade de saber que hai un espazo da memoria tan importante reservado á infancia, que sen el seríamos fume.

A cuestión é que alí, naquel garito de nome raro (Baxiña Rancho), puxemos a bailar enriba da mesa os anos máis felices das nosas vidas. E a emoción era tal, que entre o licor de amorodo, limón e kiwi, eu volvín ter sete anos. E volvín visitar a fábrica de chocolate La Perfección, e volvín saborear no padal ese regusto a cacao denso, e volvín estar aterecida de medo aquel primeiro día de colexio diante da charca de peixes, e volveron xurdir todos eles entre chándales verdes, coletas con lazos vermellos e botiñas de charón para encherme de sorrisos.

Foi fermoso volvernos atopar, pero sobre todo, foi fermoso reencontrarnos no pasado. Compartir os recordos distorsionados, darlles a forma real a base de palabras e ollos brillantes.

A nostalxia é unha nena vestida de gris. A infancia un animal que dorme.

8/04/2010

OS MEUS CADERNOS


Cada vez que empezo un poemario collo un caderno de pasta dura. Énchoo de palabras, de versos inconexos, de estrofas. Unhas teñen sentido, outras ningún. Pero gozo tanto enchendo co meu bolígrafo azul as follas en branco, que ás veces teño a sensación de que a man dereita vaime rebentar de emoción.

Téñoos de todas as cores. Os cadernos, digo. De veludo azul, laranxas, negras... e ocupan lugares aleatorios na estantería, pintándoas dun sentido que quizais non entende ninguén máis ca min.

Ás veces atácame unha necesidade tola de coller un e empezar a ler ao azar. E aí e onde me reencontro comigo mesma. Onde as palabras tocan ese anaco inaccesible tan meu.

E quedo parada, pensando en que cada un e cada unha temos as nosas teimas. O ordenador sóbrame cando escribo poesía. Pola contra, resúltame indispensable para escribir narrativa. Sen el, estaría perdida.

Alguén dixo que somos animais de costumes. Dou fe.

8/03/2010

ESCRIBIR



Hoxe escribín a palabra gomeiro e unha bomba de lembranzas explotoume entre as mans. Agradecín ter gravado ducias de conversas co avó. Ducias de historias que eu teño a sorte de poder pasar ao papel. Da súa man. Aínda que xa non estea. Aínda que só poida volver tocar o seu bigote nas fotografías.

Escribir tamén é isto. Reencontrarse. Darlle vida aos que marcharon, convertelos en protagonistas das súas propias historias. Poder dicir: invento, televisor, UHF, gomeiro, tranvía, revisor, adoquín, carballeira, podar.

Ter o privilexio e o dereito a pintar o recordo. Deixar constancia de que todo iso pasou un día e pasou porque el estaba no mundo.

Escribir tamén é isto. Atoparse cos mortos no mundo das palabras e devolverlles a vida no corpo da folla en branco.

7/28/2010

O NARDO



En Cabral temos un dialecto. Chamamos ás cousas doutro xeito. Inventamos palabras. Por iso deberlle cartos a alguén é facerlle un tren, tardar moito é facer un mapa, mancharse é ter un guar, se chove cae pulpo e se tes un resfriado colliches o bicho. E así conversamos uns con outros, con esa forma tan nosa de falar. Oes, vaia pulpo que está caendo. Xa che digo, así collín eu o bicho. E ti, vaia guar levas na camiseta. Boh, é que collín a primeira que atopei por non facer un mapa. Habería que facer un estudo acerca deste fenómeno, que daría moito de si. O caso é que ao membro masculino, chamámoslle nardo. O nardo. Así, como soa. Comprenderán a cara que me quedou o outro día, cando levaba esta furgoneta diante de min. Nardo, servicio 24 horas. Eu non sei o que anunciaba o tal Nardo. Desde logo, se era o seu propio nardo a cousa sería cando menos escandalosa. Ir por aí coa túa furgo anunciando que o teu nardo está de servicio 24 horas. Día e noite. Un nardo comercializado cunha campaña de publicidade que consiste nunha jumpy que percorre o extrarradio. Manda nardo. Ou manda carallo, para ser máis clara.

7/26/2010

OS DE TODA A VIDA



Ultimamente atopo carteis curiosos en cada esquina. O pasado xoves, nunha cafetería da Praza da Constitución, recibiume este anaco de papel: CON EL CAFÉ NO PONEMOS GALLETA DE REGALO PORQUE EL CAFÉ QUE TENEMOS ES INSUPERABLE. Seica non teñen avoa. Ou seica non atoparon mellor desculpa ca esa. Ou quizais sexa unha pensadísima estrataxema de mercadotecnia (o márketing de toda a vida): a xente ve o cartel e pide café de xeito sistemático para comprobar a realidade desas palabras. Non che sei. O que si sei, e que todo o mundo agradece a galleta co café, ou o cadradiño de chocolate. E para iso unhas instalacións tan sofisticadas...
Unha hora despois de visitar esa cafetería, acabei tomando algo nun bar da zona da Pastora. Un dos de toda a vida. Con mesas de madeira, señores de cara vermella e camareiros e camareiras (os propios donos do negocio) que te chaman polo teu nome cando te ven entrar. E alí case que ceas cos pinchos: patacas acabadas de fritir, bocadillos quentes e a cociña botando fume para nós. Quedei dun barreno.
Que me dean os bares de toda a vida, que alí unha se sente case como na casa coa botella de Pitusa na mesa, facendo equilibrios entre as conversas que se cruzan.

7/20/2010

GLOBOS NO CEO


Eu non debía de ter máis de cinco ou seis anos. Non recordo que pasou antes nin despois, pero existe unha imaxe que habita nítida entre os meus recordos . Un enorme globo aerostático de cores voando por riba de min, pintando o ceo da Brea Muiñeira, o primeiro lugar que me viu medrar. Penso moitas veces nese instante, nese momento concreto que me uniu ao ceo da Brea para sempre.

Non volvín ver un globo nunca máis. Non en directo.

Hai cinco ou seis anos fun dar unha charla a un instituto de Betanzos. O profesor de lingua galega contoume que alí era tradición facer voar un globo aerostático unha vez cada ano. E agasalláronme cun pin en forma de globo.

Gustaríame volvelo ver. De casualidade. Sen estar preparado. Ver de novo un globo de cores pintando o ceo, facéndome soñar. Como aquel día.

7/19/2010

OLLO CON ARIZONA


Onte quedei xeada mirando o telexornal. Coa de cousas incribles que se ven no televisor parece difícil sorprenderse a estas alturas. Pois eu sorprendinme. Sorprendéronme os habitantes de Arizona, que non sei como se chamarán. Arizonianos, arizonienses. A saber. O caso é que neste estado, non olvidemos que se trata dun estado intengrante da primeira potencia mundial que son os EE.UU. e bla bla bla. Os tipos estes en cuestión, na súa avanzadísima cultura de avanzadísima primeira potencia mundial, promulgaron unha nova lei. Os habitantes do Estado de Arizona teñen permitido dispararlle (si, leron ben) DISPARARLLE a calquera persoa que intente cruzar as súas fronteiras. Parece ser que pretenden evitar a "invasión" doutras nacionalidades. E claro, que mellor para evitala que emprendela a tiros. Veña, imos a dispararnos os uns aos outros. Como pises un anaco do meu terreno, cósote a balazos. Que ben. Que bonito...

Así que se tiñan pensado darse unha volta polos EE.UU. e pasear por Arizona, ollo, que igual saen cos pés por diante.