6/07/2010

inventos rotos


o día esqueceuse de sorrir pero hoxe prometín non escribir cousas tristes.


así que fóra caras pegadas a bloques de xeo,

fóra inventos rotos,

fóra cicatrices,

sangue, feridas, bigotes,

golpes, ti que xa non estás,

a vida esta de lata,

a dor de tantas cousas...


o día esqueceuse de sorrir e latexan as horas,

e ti


e ti latexas tamén,

porque os teus inventos son grandes

como estas nubes de inverno no mes de xuño


cóntame cousas de onte, se queres,

pero, por favor, cóntame as de mañá

que necesito un anaco de sol

nese futuro imperfecto

no que xa non




5/13/2010

A Lama


O vindeiro luns 17 de maio recitarei ás 17:00h. no cárcere de A Lama acompañada de Marta Quintana (arpa) e Nuria Carballido (danza).
Hoxe teño na cabeza a imaxe de centos de homes mal afeitados coa cabeza gris de tanto pensar. Quizais o luns chegue a casa e admita que a ignorancia é moi atrevida, e en lugar de cabezas grises e barbas imperfectas traia no bolso fogos de artificio. Con sinceridade, non o creo. Porque vivir entre muros físicos ten que roubar os colores á forza. E porque ser consciente do lentos que pasan os anos cando o osíxeno que respiras está limitado a un espazo ten que ser duro. Como a pedra do patio. Como o silencio de non poder abrazarte á pel da muller que queres. Como a soidade dunha cama vestida por sabas alleas.

5/06/2010

Canción 19 horas

Luis García Montero. Eu, coma el, tamén quero ser decembro:

Canción 19 horas

¿Quién habla del amor? Yo tengo frío
y quiero ser diciembre.

Quiero llegar a un bosque apenas sensitivo,
hasta la maquinaria del corazón sin saldo.
Yo quiero ser diciembre.

Dormir
en la noche sin vida,
en la vida sin sueños,
en los tranquilizados sueños que desembocan
al río del olvido.

Hay ciudades que son fotografías
nocturnas de ciudades.
Yo quiero ser diciembre.

Para vivir al norte de un amor sucedido,
bajo el beso sin labios de hace ya mucho tiempo,
yo quiero ser diciembre.

Como el cadáver blanco de los ríos,
como los minerales del invierno,
yo quiero ser diciembre.

4/24/2010

unha pota que ferve


Cada vez que piso o centro da cidade invádeme unha estraña nostalxia. Como se estivera camiñando por un lugar sagrado. E, de xeito inevitable, véñenme á cabeza fotografías en sepia e branco e negro dun carro de bois guiado pola Rúa do Príncipe, dun desfile militar por García Barbón baixo os balcóns ateigados de ollos, das subastas do Berbés onde había que amorear o peixe nunha cuba de madeira vella. Uns por riba dos outros, coas escamas brillando na desorde da lonxa. Mulleres de ferro camiñan cos canastros sobre o empedrado de Beiramar e tamén pola miña memoria. Coma personaxes que fuxen das súas fotografías porque reclaman un lugar nese espazo que perderon un día.

O centro da cidade é unha historia con adoquíns e semáforos, con botas de cordóns redondos e zapatos abertos. O centro da cidade é unha pota que ferve.

4/21/2010

Hoxe en Los Sauces


Veño de dar unha charla no colexio Los Sauces. Teño na cara pintado ese sorriso que queda despois de ter asistido a un lugar no que te acollen cos brazos abertos coma portas enormes. O alumnado e profesorado fixéronme lembrar a razón pola que escribo. No padal quedoume o gusto de saber que os rapaces e as rapazas seguen emocionándose cando len Unha estrela no vento. Estou contenta e agradecida. Moito.

4/20/2010

tic-tac


Román era un coello, pero non calquera coello. Román era o coello de Alicia. Obsesionado co tempo, buscaba o sentido da súa présa en cada unha das agullas tristes de todos os reloxos que o rodeaban. Dáballes corda con desesperación para que non pararan endexamais, observando por riba do seu bigote os angustiosos círculos que trazaba o punteiro. Había anos que o corazón non lle palpitaba. O latexo mudara por un inquietante: tic-tac, tic-tac, tic-tac, que lle impedía esquecerse das horas, dos minutos e dos segundos. Tic-tac, tic-tac, tic-tac, ata que unha mañá de novembro, todos os seus reloxos pararon de golpe. Román sentiu que o seu particular latexo tamén se detivera. Quitou os tirantes e a camisa para ver se era a roupa quen exercía de barreira. Silencio. Só un silencio denso coma o mercurio dos termómetros. Empezou a tremer e caeu derretido naquela densidade insoportable. Puxéronselle os ollos en branco, enchéuselle o bigote de escumallo e soubo que a vida estaba a caérselle de dentro do peito.
A día de hoxe, saio a camiñar a cotío pola Rúa Vella para pasar por diante da Reloxería Román. Aínda que leva anos pechada, a veces consigo escoitar como se filtra por debaixo da porta principal un sutil: tic-tac, tic-tac, tic-tac...