
Ultimamente hai un pensamento que non deixa de rondarme. Teño a sensación, arriscándome a parecer contraditoria, de que quizais, e digo quizais, estea malgastando o tempo nesta oficina na que paso 10 horas diarias. Si, xa sei que sen traballo non hai cartos e sen cartos non hai: comida, bebida, roupa, casa, coche etc. etc. etc. ... Pero o caso é que estou plenamente convencida de que, de non investir tantas horas neste choio, sairían novelas, poemarios, lecturas, carreiras, ás para voar onde quixera (co monedeiro sen un céntimo, seino). Todo o mundo me repite que para ter unhas cousas hai que renunciar a outras. A pregunta é: que pesa máis? Teño na cabeza tantas historias por escribir e tantos personaxes que me berran: Ledi, dame forma e ponme a camiñar xa! que ás veces creo que o meu cerebro vai rebentar. O día menos pensado fago as maletas e marcho a calquera deses mundos que teño dentro. Pode que regrese, ou pode que non...