Agora que a vida funciona, empezan a pasar cousas. As pezas comezan a encaixar: crúzome con xente á que non vía desde hai anos e fágoa resucitar na miña cabeza, sucédenme cousas insólitas, leo como unha tola todo o que cae nas miñas mans... e fago das miñas porque non podía ser doutro xeito.
Onte a mañá, nun deses ataques desesperados que me dan de: malditogatononqueroquequedeninunsópelodelnochandestacasa!, empecei a varrer e varrer unha vez, dúas tres, catro!!! e despois fregar unha, dúas e ata tres veces! (si, iso é o que ten ter tempo libre, e non esquezades que foi un "ataque"). Pois ben, a miña casa (mellor dito, a casa na que vivo), vai dar a un campo onde hai de todo: sandías, laranxo, ghichos de verdura... e eu teño unha curiosa fixación. Gústame quitar os pelos do gato da vasoira, facer bolas e botalos a voar. E quedo así, mirando como avanzan movidos pola brisa cara un destino incerto. Pero onte non podía facer iso. E non podía porque estaba no medio do ataque que expliquei. E, sen pensar, fun á fiestra do estudio e batin a vasoira con forza desexando que non quedara nin un só pelo. E logo, feliz de ter descargado a miña rabia contra o marco da ventá que ningunha culpa ten, marchei a enlearme con outras tarefas. Máis tarde, botei a cabeza pola fiestra do meu cuarto e... horror! alí estaba unha bola de pelo xigante (e non só de gato, se non tamén pelo meu, restos de pó e quen sabe que outros tipos de lixo) parada no balcón do veciño de abaixo, dentro da tina da roupa que tiña preparada para tender e tamén enriba da súa lucida pranta de marihuana. E claro, aceleróuseme o corazón. Quenmemandouaminsacudiravasoirapolafiestrasenpensar????? Escoitei entón o ruído dunha porta e supuxen que o veciño marchara. Pedinlle ao infinito que o noso pelo voara e marchara dalí, pero parecía estar ben a gustiño enriba da roupa e da pranta. E se collo unha cana do campo, sácoa pola fiestra e intento cazar a bola xigante? Boh, Ledi, ti tamén. Anda que como alguén te vexa... E nada, así toda a mañá sacando a cabeza, a ver se a bola seguía alí ou marchara. Ata que, horas despois, a música de Bob M. chega desde o piso de abaixo. Corrín a sacar a cabeza unha vez máis. A tina e a pranta seguían alí, pero o lixo esfumárase. E, non podía ser doutro xeito, o veciño saíu ao balcón. Ola! -díxenlle-. El volveu a cabeza cara arriba e puxo cara de: a esta que carallo lle deu? Mira, é que antes... sen querer.... mandei unha bola de po para abaixo e foi caer ao medio da túa roupa.... supoño que xa caíches na conta...perdoa, tío (si, escapóuseme un "tío") pero é que nin me decatei de que estaba o balcón aí abaixo (e mentres pensaba: dios, foi un ataque, de verdade que foi polo ataque de ira) perdoa... E el, cun breve sorriso apuntou: gracias. no te preocupes. E eu, vermella, volvinme meter para dentro, esta vez para no volver saír. Hoxe non me puiden resistir e asomei a cabeza por iso de comprobar que todo estaba no seu sitio. E resulta que non, que non todo está no seu sitio. A roupa voa na trandeira ao ritmo do vento, pero a pranta.... evaporouse. El segue aí, coa súa música de todos os días andando de adiante para atrás. En media hora exacta marchará, farase o silencio e eu poderei empezar a estudar.
3 comentarios:
JAJA!!! Coido que o tipo mudou a planta de sitio para que non atentes contra a súa produción!!
O veciño que teñen meus pais no andar de arriba, quemou o plástico do noso tendal ó tirar un pitillo, fumaba na fiestra para que os pais non se decatasen, pero foi peor para él atoparse coa miña nai!!
La verdad es que pagaría mucho dinero por ver tu cara de "tierra trágame". Muy simpática tu aventura, tal y como dices la vida empieza a recuperar normalidad para ti y eso es bueno.
Bicos dende o currucho verde da realidade!!
viva!!! podo facer comentarios por fin! (é que non ía a cousa, pero parece que xa se amañou). O meu veciño é o mesmo q non me deixa estudar coa música. Parece que o roce fai o cariño...
Publicar un comentario