1/16/2009

Seguimos con poemas novos


fálanme ao oído e son máis de unha:
a conciencia da miña nai,
a voz da miña avoa
(hoxe soñei que estaba viva
pero aparecía con cara de morta),
as palabras desgarradas das que me escoitan

a moitas outras non as coñezo de nada,
pero sei que teñen 14 cordas vocais

todas elas recítanme versos de lobishomes
e de mundo

tantas voces levo ao lombo,
(mulleres de palabra viva
mulleres de carne)
que ás veces nácenme antenas no corazón

escóitoas en estéreo
teñen o costume de falarme á vez,
unhas sobre outras


son surtidores de verdades

1/14/2009

soños grises


aparece nos meus soños
co pelo mollado de traballar na casa

dedícame sorrisos auténticos,
deses que che quedan na cabeza para sempre
e eu non sei como saír dese fotograma

quedo bloqueada na expresión do seu rostro
e desde aí só son quen de ir cara atrás,
cando as dúas estábamos vivas
e nos saían de casualidade palabras inventadas
coas que editabamos diccionarios cifrados

non é que non queira tela preto,
pero esta sensación de levar a súa ausencia
tan pegada na roupa e nas bágoas,
faime pensar demasiado,
e estancarme en néboa e poesía gris

todo se volve contradictorio,
porque ela ten a amplitude
dun arco da vella
baixo o que eu camiño cos ollos abertos
agardando un milagre

12/29/2008

A miña invisibilidade


aprendín a facerme invisible

non é unha cualidade como outra calquera:
paseo espida arrastrando os pés polas alfombras,
cósome as horas á pel coa agulla más grosa,
trago kilos de bofetadas ata atragantar

son a muller invisible
e levo unha camisa de forza
incrustada no corpo

collín o vicio de tirarme ao chan

agardo a que me disecciones
para que vexas de cerca
a causa da miña morte

gústanme as autopsias
porque me recordan a Rembrandt
e á súa Lección de anatomía

...hoxe morreron outras dúas, e mentres me chega a noticia, non son quen de deixar de pensar en que todo é polo mesmo: o machismo

12/01/2008

Entrevista

O pasado venres, chamoume unha redactora do Diario de Pontevedra para facerme unha serie de preguntas que van saír publicadas este mércores nese xornal. Entre elas, houbo unha en concreto que me fixo pensar: ¿Pensa vostede que son importantes as axudas da Administración? ¿Como cre que debería de ser a súa actuación?
Feita esa pregunta, pedinlle á redactora que me chamara a última hora da tarde, xa que non podía atopar unha resposta naquel mesmo momento, necesitaba reflexionar. Hoxe luns, sigo a darlle voltas ao mesmo. Por suposto que as axudas da Administración son importantes, importantísimas diría eu. O problema é que como non existen axudas directas para escritores/as creo que temos asumido ese feito, e xa nin pensamos niso (polo menos no meu caso). Con respecto a como debería de ser a súa actuación, o primeiro que me veu á cabeza foi pensar en que, se non actúan non podo saber como corrixir as súas accións. Primeiro terán que poñerse en marcha levando a cabo iniciativas que promova a Concellería de Cultura, digo eu, e logo, no caso de que non estean facendo as cousas como deban, será cando teña que xurdir a polémica.
Mentres, eu seguirei pensando en que non hai mellor axuda que animarme a min mesma todos os días a ir ao traballo, chegar a casa á noitiña e poñerme a estudar Dereito Procesual entre mantas e coa estufa para contrarrestar o frío que provocan as goteiras que teño no baño, poñer lavadora, tender a roupa, preguntarle a C. como lle foi o día para que non se esqueza de falar comigo, seguir con Arret e as aventuras de Xian, Évora, Uxía e Roi, chegar á idea perfecta para escribir ese conto para nenos e nenas que me propuxeron publicar, preparar o Contacontos que teño en Pontevedra o día 8 de xaneiro e respirar…
Que teñan bo día.

11/26/2008

A carta de Ainara


O volume de traballo que teño estas semanas impídeme actualizar diariamente. Hoxe déixovos esta carta-tributo que a miña amiga Ainara Legarreta escribiu como homenaxe para unha amiga súa. Eu estou orgullosa de ser amiga de Ainara. Cando leades esta carta, entenderedes porqué...


"Pregúntome cómo estará a tua nai. Triste? Enrabietada? Aliviada? Acabáronse os problemas?A primeira vez que te vin, asusteime.Coñecía pinxeladas de ti, mais nunca presaxiaría aquela imaxe.A túa ollada perdíase antes de cruzar as pestanas e as túas palabras inconexas e balbucenates sacaban á luz as consecuencias da inxesta daquel arsenal que tomabas por prescripción facultativa.Leveite conmigo, laveite, coideite e pouco a pouco comenzaches a dexesar voltar á vida.Desexáchelo, buscáchelo e conseguíchelo.Cando deixaches que a razón se apoderara do ti, permitiches, á vez, que eu puidera descubriche.Forte, loitadora, intelixente e débil, sénsibel, triste. Con dores e carencias que nin o tempo, nin a terapia, nin a medicación... nada podería quitarcho.Do mesmo xeito que te vin nacer, vinche marchar, voltar atrás, de súpeto, porque sí.MOitas veces lembreite. No noso cumpleanos pensei cómo o estarías festexando ¿quizá co teu fillo? é pouco probable...Quería verte, abrazarte e saber como andabas.Agora xa o seiQuero pensar que tí tamén te lembrabas de mín e que era un bo recordo.Dicen que a responsabilidade é só túa, pero o dín para poder durmir."

11/05/2008

o meu electroduende


FUN CAER AQUÍ
o día que atravesei o televisor
e saín da bola de cristal

crieime soñando que as paredes da casa
estaban construídas con galletas cuétara

eu pensaba que o teito da buhardilla
caía polo peso das plantas aéreas
e tamén por aquilo de aplastarme ben abaixo
sen futuro
sen recursos
como doe cando falta

dáme bocadillos de manteiga e zucre
que quero para min a insolencia de sentirme minúscula
e volver ser a nena das fotografías

poñer gafas de plástico
e ser invisible para vós
e para o mundo
ou pintar as paredes
e atravesalas,
só pola virtude de ser electroduende

11/04/2008

vista borrosa


así é a paisaxe desde a fiestra do meu salón entre bágoas.
desdebúxanse as liñas
mestúranse os obxectos,
as luces perden forza
e todo vai collendo sentido
o seu ritmo