
Onte, entre mantas e apuntamentos de Dereito Procesual 2 pensei en moitas cousas (ademais do propio dereito, enténdanme). Desde o piso de abaixo chegábanme as risas do veciño de vintetantos e dos seus amigos. Ese son mesturábase co ruído dos coches, cos ladridos dun can, cos sms que me ían chegando do meu amigo Nacho (Don Ignacio de Maceda en Arret), e mentres viaxaba polo interesantísimo mundo da jurisdicción, recordos e imaxes ocupaban a miña cabeza roubándome a concentración que me quedaba despois dunha longa xornada laboral.
Os anos na facultade foron como debían ser. Iamos a poucas clases, as mínimas. En lugar de buscar “amigos universitarios”, N. e máis eu fixémonos todo o inseparables que podiamos ser. Infiltrabámonos nas clases baleiras e descubriamos zonas prohibidas que facíamos nosas coa facilidade de quen ten vintepoucos. Iamos picando aquí e alá, coñecendo xente de todo tipo, alguna interesante, outra moito menos e caeu no esquecemento condenada nalgún lugar escuro da memoria.
Rimos moito. Moitísimo. Rimos das ras que N. roubou no estanque para meterme no bolso, rimos do día que N. e M. se puxeron antifaces feitos con bolsas do lixo e pasearon pola facultade disfrazados de non sabemos que, rimos do corazón que N. pintou no encerado co contido: Ledi y Piojo e logo agachou detrás da pantalla de proxección, rimos co profesor cando descubriu ese debuxo e preguntou con cara de tolo: quién es Ledi?? Rimos no Parque Forestal tirados na herba morna da primavera, rimos con María (tanto que acabábamos con dor de barriga) Rimos con Jaime (aínda que ás veces daban ganas de chorar pola súa tendencia á depresión e a convertelo todo en deprimible). Rimos no Zx, no Ibiza, no Golf que pitaba só percorrendo a estrada que rodea dereito (pi, pi, piiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii), no Polo violeta, no polo gris de Jacobeo. Rimos pintándonos a cara con bolígrafo e fluorescente, rimos correndo a escuras nos cañóns, rimos dentro dos armarios, dentro das aulas, dentro da biblioteca, dentro de nós mesmos. Agora quero estudar e sigo rindo mentres recordo. E non quero parar de rir nin de percorrer con N. todos os espazos que queden por descubrir. O CUVI dá para moito e aínda hai que exprimilo máis…